Wednesday 01 de May de 2024

A Deputación convoca para o 15 de marzo o levantamento de actas previas á ocupación dos terreos afectado polo ancheado da estrada San Sadurniño-Riboira


O importe do proxecto ascende a 657.500 euros, dos que 47.500 se destinan ás expropiacións

O Boletín Oficial da Provincia publicou este martes o anuncio de levantamento de actas previas á ocupación dos terreos que se verán afectados polas obras de ancheado e construción dunha senda peonil na DP-7602, que enlaza o centro urbano de San Sadurniño co lugar de Riboira, en Lamas. Segundo a Deputación, as persoas titulares dos bens e dereitos afectados deberán acudir ao salón de plenos do Concello na tarde do 15 de marzo nas horas que se indican no anuncio, ao que hoxe tamén fan referencia os xornais locais. Deberán acudir persoalmente ou ben enviar un ou unha representante debidamente autorizada para actuar no seu nome. O orzamento conxunto da expropiación, segundo figura no anuncio provincial, ascende a algo máis de 47.500 euros, cos que se cubrirán as afeccións en 58 propiedades. A execución material das obras está cuantificada noutros 610.000 euros.

Foi no pleno da Deputación do pasado 29 de outubro cando se lle deu luz verde á ampliación e mellora da seguridade peonil da estrada DP-7602 que enlaza o Campo da Feira co lugar de Riboira. Nese eixo daráselle máis ancho á estrada, pasándoa de 4 a 6,5 metros en todo o seu trazado e, ademais, tamén se aproveitará para construír unha senda peonil que conecte as beirarrúas do centro urbano de San Sadurniño co núcleo de Riboira, xa en Lamas.

O sendeiro, de 1,8 metros de ancho, discorrerá pola esquerda segundo se sobe desde San Sadurniño. A medio camiño cambiará para a banda dereita ata chegar á estrada de Ortigueira. En todo ese traxecto irá separado da calzada por un borde contínuo de formigón prefabricado.

As novas medidas da estrada e da senda implican ampliar o espazo a un e outro lado do eixo viario, sobre todo na zona que queda máis próxima ao Campo da Feira, onde será necesario retranquear os noiros dos montes e asegurar a marxe do regato, que tamén cumprirá canalizar en certos puntos. Máis arriba a estrada está flanqueada maiormente por labradíos, polo que a obra será relativamente máis doada.

En ambos casos a Deputación ocupará terreos en 58 predios. O total das afeccións calcúlase en 8.278,64 m² repartidos en pedazos que van desde os escasos centímetros até os 1.343 m² da franxa de leira de maior tamaño.

O Concello xa propuxera en 2015 a transferencia desta vía interior, previa mellora da súa seguridade. Mesmo se preparou unha memoria valorada que se lle fixo chegar ao ente provincial coa finalidade de que, transferida ou non, a vía se tivese en conta nos plans anuais de sendas peonís. A iniciativa municipal tivo acomodo nunha partida habilitada pola Deputación en outubro do ano pasado cun importe de 610.211,15 euros para as obras e de 47.523,30 para custear as expropiacións.

A tramitación do proxecto encóntrase precisamente na fase expropiatoria e por este motivo a Deputación convocou ás persoas titulares dos bens e dereitos afectados ao acto de levantamento das actas previas á ocupación, que se desenvolverá no salón de plenos do Concello durante a tarde do martes 15 de marzo. No anuncio publicado esta semana aparecen reflectidos os nomes, as superficies afectadas e a súa tipoloxía -monte, prado, etc-, así como os horarios fixados en que deberá acudir cada propietaria ou propietario, ben en persoa ou actuando por medio de representante coa debida autorización de representatividade.

En calquera caso será necesario achegar documentos acreditativos da titulariedade, o DNI e o NIF e o último recibo da contribución. Se o estiman conveniente, as persoas titulares ou representantes poderán acudir ao acto na compaña de asistencia pericial ou notarial pola súa propia conta. Ademais, ata o día 15 poden presentarse perante a Deputación as alegacións que se consideren pertinentes coa finalidade de que se corrixan posibles erros producidos ao relacionar os bens afectados pola urxente ocupación. Os escritos deben dirixirse ao Servizo de Patrimonio e Contratación -Avenida Porto da Coruña nº 2 – por medio de calquera das vías aceptadas para relacionarse coas Administracións Públicas.